Ideahs

Daniel Lucas Teijeiro Mosquera

IFP

Daniel Lucas Teijeiro Mosquera

Daniel Lucas Teijeiro Mosquera (Betanzos, 1996) é investigador posdoutoral da Xunta de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela (ED481B-2026-059), onde traballa no seo do grupo «Investigación e Desenvolvemento en Artes e Humanidades» (GI-1510 IDEAHS) e do Instituto de Investigación en Humanidades (iHUS). Así mesmo, é graduado en Historia da Arte (USC) –con Premio de Excelencia Académica da Xunta de Galicia–, mestrado en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte (USC e Universidad de Las Palmas de Gran Canaria) e doutor en Historia da Arte (USC).

É especialista na produción artística das fábricas de fundición dos séculos XIX e XX, sobre todo nas relacións que tiveron as de Galicia con outras do resto de España, Francia, Reino Unido e Portugal. Este foi o tema que abordou na súa tese Arte e industria do ferro en Galicia (1844-1936). Cultura material, centros de produción e obras (2025), realizada cun contrato FPU do Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades do Gobierno de España (FPU2019-0378). Actualmente, continúao a desenvolver e a ampliar como liña de investigación propia a través do proxecto posdoutoral A exportación da fundición artística francesa na Península Ibérica (1850-1930). O trifundo da estética serial en ferro, bronce e zinc (FUNDIART, 2026-2032). Con todo, os seus traballos encádranse dentro dos estudos sobre a historia da arquitectura, a historia do urbanismo, as artes decorativas, a cultura material, o patrimonio industrial, a salvagarda do patrimonio e as humanidades dixitais.

Canto á súa experiencia científica, participou de varios proxectos autonómicos e nacionais con IDEAHS, como MEPAGAL, ARSOGAL, MODEL4PAT, etc. Tamén colaborou con empresas e coa Administración pública noutros proxectos e na redacción de informes histórico-artísticos. No relativo á súa internacionalización, alén de diversas publicacións e contribucións a congresos, realizou unha estadía de investigación predoutoral na École du Louvre (2023) e efectuará outras dúas posdoutorais de doce meses cada unha no Centre André-Chastel (2027-2028) e no CITCEM da Universidade do Porto (2028-2029).