Ideahs

Megapal

Memoria do patrimonio arquitectónico desaparecido en Galicia. O século XX. Este proxecto propón a análise das causas e a reconstitución dunha memoria gráficas do patrimonio destruído en Galicia entre 1936 e 2001 a partir das fontes documentais e audiovisuais e da integración da restitución 3D para a visibilización deste parte da nosa herdanza urbana e territorial.

  • Código: PID2019-105009GB-I00
  • Organismo financiador: Agencia Estatal de Investigación (AEI)
  • Duración: 01 de xuño de 2020 ao 31 de maio de 2023
  • Tipo: Concorrencia competitiva
  • Convocatoria: Generación del Conocimiento 2019
  • Programa: Para impulsar la Investigación Científico-Técnica y su Transferencia
  • Subprograma: Generación del Conocimiento

Este proxecto aborda o estudo das destrucións e graves alteracións que afectaron ao patrimonio arquitectónico galego durante o século XX, nun percorrido que inicia en 1936 co estoupido da Guerra Civil e se prolonga até 2001, inicio do actual milenio. Neste sentido, MEPAGAL continúa a liña de Memoria, textos e imágenes. La recuperación del patrimonio perdido para la sociedad de Galicia (METEIN), que abordaba a arquitectura desaparecida en Galicia desde a Idade Media até precisamente 1936.

O traballo afonda nas dinámicas de obsolescencia e demolición que levaron á desaparición de numerosos edificios singulares, cunha análise rigorosa e fundamentada na historia da arte das causas destas perdas, que van desde a especulación inmobiliaria e unha mal entendida ambición de modernidade, até accidentes como incendios. O proxecto non só aborda casos individuais, senón que tamén presta atención a conxuntos tipolóxicos —hoteis, cines, mercados, castelos— e a ámbitos urbanos e paisaxísticos máis amplos, como o núcleo histórico de Portomarín, asolagado polo encoro de Belesar.

Metodoloxicamente, a investigación combina o traballo de arquivo e a análise de documentación gráfica —planos e fotografías— coa incorporación de fontes orais mediante entrevistas. Esta aproximación, que emprega a historia oral, permite recuperar testemuños de primeira man de persoas que viviron os procesos de destrución. Ademais, o proxecto destaca polo uso de restitucións virtuais en 2D e 3D, que facilitan a comprensión das características arquitectónicas e da inserción urbana dos edificios desaparecidos.

O equipo de traballo, coordinado desde o grupo de investigación Historia del Arte, de la Arquitectura y del Urbanismo (HAAYDU, GI-1510) da USC, viuse reforzado coa incorporación de investigadoras e investigadores dos departamentos de Proxectos Arquitectónicos, Urbanismo e Composición, e de Enxeñaría Civil da Universidade da Coruña, así como con especialistas externos, consolidando un grupo multidisciplinar de preto de vinte persoas. O proxecto pretende non só inventariar e analizar as perdas, senón tamén reflexionar sobre os valores que estes edificios achegaban á sociedade, servindo como advertencia para a preservación futura.

Megapal