Ideahs

MODEL4PAT

Modelos virtuais para a interpretación do patrimonio construído en Galicia

  • Código: PDC2025-165943-I00 (2025-PN102) 
  • Organismo financiador: Axencia Estatal de Investigación. Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades 
  • Tipo: Concorrencia competitiva
  • Convocatoria: Convocatoria 2025, Proxectos “Proba de Concepto”
  • Programa: Programa Estatal de Transferencia e colaboración. Plan Estatal de Investigación científica, técnica e de innovación 2024-2027
  • Subprograma: Proba de Concepto
  • IPs: Jesús Ángel Sánchez García e Julio Vázquez Castro 
  • Período de desarrollo: 2026-2027

A proposta MODEL4PAT ten a súa orixe en proxectos previamente desenvoltos polos investigadores do grupo IDEAHS da Universidade de Santiago de Compostela sobre arquitecturas desaparecidas e proxectadas en Galicia, en colaboración con outros investigadores da Universidade da Coruña e da Universidade Politécnica de Madrid. As investigacións sobre edificios destruídos e proxectados pero nunca construídos en Galicia integraron na súa metodoloxía de análise e difusión de resultados a realización de reconstrucións virtuais de estado orixinal para edificios desaparecidos ou moi alterados, contratadas como servizo externo cos deseñadores gráficos do Centro Infográfico Avanzado de Galicia (CIAG). A partir destes resultados exponse agora unhas actividades de transferencia á sociedade, con impactos nos sectores educativo e turístico. O desenvolvemento dunha plataforma web chamada Miradoiro, destinada a aloxar unha galería de modelos virtuais de edificios históricos de Galicia sería unha contribución pioneira ao non existir iniciativas institucionais ou privadas desta natureza. Esta plataforma contería modelos 3D en baixa e alta resolución co estado orixinal e evolución deses edificios, completados con fichas descritivas e materiais didácticos, de modo que serviría, en primeiro lugar, como repositorio para o acceso dos docentes dos niveis de Secundaria e Bacharelato, quen podería empregar eses materiais como apoio para as súas clases ou para visitas a monumentos cos seus grupos de alumnos. Este acceso para uso docente, regulado por unha licenza de uso gratuíto da USC, complementaríase con outro acceso mediante licenza diferenciada e esta vez de pago, a través dunha app para móbiles, destinada a empresas do sector turístico. A experiencia de Realidade Virtual apoiada nos modelos de edificios históricos permitiría así unha comprensión profunda da evolución e características de significativos bens do patrimonio de Galicia, varios deles incluídos na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO como a catedral de Santiago ou aqueloutros que se atopan repartidos polos camiños de peregrinación e as súas proximidades -poboo de Portomarín, castelo de Pambre, conxunto monástico de Vilar de DoNas-. Os resultados de posta en valor, interpretación e xeración de actitudes favorables á súa conservación permitirán superar as limitacións dos materiais docentes e recursos explicativos empregados ata a data para as visitas insitu, substituídos por estas visualizacións tipo VR en formato vistas 360º, realizadas con completa garantía científica e rigor grazas ao traballo conxunto dos investigadores de historia da arquitectura e os deseñadores gráficos do CIAG, sendo por iso un produto de valorización de resultados de investigación con impacto educativo e económico para o que non existe competencia no ámbito de traballo autonómico. 

MODEL4PAT