Ideahs

Xosé Iván Villarmea Álvarez

Membro  (PDI – Profesor Axudante Doutor)

Xosé Iván Villarmea Álvarez

Iván Villarmea Álvarez é doutor pola Universidade de Zaragoza, profesor axudante doutor de historia do cinema na Universidade de Santiago de Compostela, investigador permanente no Instituto de Humanidades desta mesma universidade (iHUS) e investigador asociado no Centro de Estudos Interdisciplinares da Universidade de Coimbra (CEIS20-UC). As súas principais liñas de investigación son a representación do espazo no cinema de non ficción, o cinema ibérico da austeridade, o cinema portugués contemporáneo e o Novo Cinema Galego. Dentro destes temas, publicou o libro Documenting Cityscapes. Urban Change in Contemporary Non-Fiction Film (2015) e coeditou os volumes Memórias em Movimento: História e Trauma nos Cinemas Ibero-americanos (2023; con Silvana Mariani e Júlia Vilhena), New Approaches to Cinematic Space (2019; con Filipa Rosário) e Jugar con la Memoria. El cine portugués en el siglo XXI (2014; con Horacio Muñoz Fernández). Gañador en tres ocasións do Premio María Luz Morales da Academia Galega do Audiovisual (2020, 2021 e 2023), tamén foi vicepresidente e secretario da Associação de Investigadores da Imagem em Movimento (2020-22 / 2022-24), codirector da revista dixital de crítica cinematográfica A Cuarta Parede (2013-17) e cofundador do Cineclube de Compostela en 2001.

Traballou como profesor auxiliar convidado de estudos fílmicos na Facultade de Letras da Universidade de Coimbra (FLUC, Portugal; 2020-22) e como profesor visitante na Facultade de Ciencias da Educación e da Comunicación da Universidade Estatal do Milagro (UNEMI, Ecuador; 2015-16). Realizou varias estadías de investigación, tanto predoutorais como posdoutorais, en diferentes universidades europeas e americanas, como a Universidade de Lisboa (Portugal), a Universidade de Bourgogne Franche Comté (Francia), a Roehampton University (Reino Unido), o California Institute for the Arts (Estados Unidos) e a Universidade da Habana (Cuba). Ademais, como membro da Associação de Investigadores da Imagem em Movimento (AIM), participou na organización de cinco dos seus congresos internacionais anuais, celebradas respectivamente na Universidade de Santiago de Compostela (USC, 2019), o Instituto Politécnico de Setúbal (IPS, 2021), a Universidade de Évora (UÉ, 2022), a Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro (UTAD, Vila Real, 2023) e a Escola Superior Artística do Porto (ESAP, 2024).

Elaces académicos