Ideahs

Laura Calvo Gens

IFP

Laura Calvo Gens

Laura Calvo Gens é graduada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela (2018), especializouse en cinema e medios audiovisuais co Màster en Estudis de Cinema i Audiovisual Contemporanis da Universitat Pompeu Fabra (2019) e cursou o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela (2025).

Actualmente está a realizar a súa tese de doutoramento arredor da presenza da pintura en series de ficción contemporáneas, investigación para a cal recibiu unha axuda á etapa predoutoral da Xunta de Galicia (2021-2024). Ten impartido docencia e investigado no Departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela e é membro IFP (Investigadora en Formación e Perfeccionamento) do grupo IDEAHS (GI-1510). No 2023 realizou unha estadía de investigación no Centro de Investigação em Ciência e Tecnologia das Artes – CITAR (Escola das Artes, Universidade Católica Portuguesa).

Comezando as súas investigacións arredor da serie Twin Peaks: The Return, no marco dos seus estudos de máster, as súas liñas de investigación achéganse á cultura audiovisual contemporánea e o cinema contemporáneo, ás narrativas e a estética da ficción serial ou ás hibridacións entre medios audiovisuais e outros formatos artísticos, liñas coas que ten participado en distintos congresos e encontros internacionais e publicado en distintas revistas científicas ou libros colectivos. Por outra parte, ten investigado arredor das figuracións visuais de Rosalía de Castro e o seu impacto no imaxinario galego contemporáneo.

Concedéuselle o III Premio de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea do Centro Galego de Arte Contemporánea polo texto Memoria do azul: a afección monocroma do contemporáneo, texto publicado no ano 2023. Tamén foi xurado novo de Intersección – Festival Internacional de Cinema e ten colaborado tanto co Cineclube de Filosofía (Universidade de Santiago de Compostela) como co Cineclube de Catoira.