
Membro
Miguel Anxo Rodríguez González
Profesor da Universidade de Santiago de Compostela, especializado en arte contemporánea e teoría da arte. Desde 1998 participa en proxectos de investigación sobre escultura contemporánea, paisaxe urbana e espazos alternativos para a creación, realizando estadías de investigación en S-Hertogenbosch (Holanda) e Winchester (Reino Unido). Os seus estudos están enmarcados na historia social da arte da segunda metade do século XX. Dentro deste marco xeral, desenvolveu aproximacións ao ámbito das institucións de formación artística e ás relacións entre arte, ideoloxía e políticas culturais, así como aos espazos independentes e grupos de creación.
Publicou en revistas académicas das universidades de Granada, Autónoma de Madrid, Universidade de Barcelona e UNED, entre outros, e é desde 2021 secretario da revista Quintana, do Departamento de Historia da arte da USC. Participou en congresos sobre teoría da arte e políticas culturais en cidades como Barcelona, Istambul (Turquía), Hildesheim (Alemaña) e Lecce (Italia). É o autor de S-Hertogenbosh-Sargadelos. Á creación de cerámica a través de dúas institucións (2000), coautor e coordinador de Silverio Rivas (2024), e co-editor de Espazos de Creación Contemporánea (2005), Canales alternativos de creación. Un enfoque histórico (2013), Novas narrativas na historia da arte contemporánea (2020), e Culturas, comunidades y arte actual (2024). Entre 2007 e 2011 foi coordinador do master en Arte, museoloxía e crítica contemporáneas, da USC, e colaborou en diversas actividades do Centro Galego de Arte Contemporánea (Santiago de Compostela). De 2020 a 2024 traballou na coordinación de tarefas do proxecto YUCUNET (Establishment of a Yucatan-Cuba Network of MA programme in Contemporary Art and Cultural Management), financiado pola Unión Europea dentro do programa Erasmus+. É investigador principal do proxecto PERMORIA. Performatividade do monumento. Percepción social e intervencións sobre arte pública en España e Portugal desde 1950 (Plan nacional de investigación).