Ideahs

Xosé Nogueira Otero

Membro

Xosé Nogueira Otero

Doutor en Historia da Arte (Historia do Cinema) e profesor titular do Departamento de Historia da Arte da USC, subárea de Historia do Cinema e Outras Artes Audiovisuais. Secretario do Centro de Estudos Fílmicos da USC (CEFILMUS) e do Instituto de Humanidades (iHUS) da USC. Membro de HISPANÍSTICA XX, Centre d’Etudes et de Recherches Hispaniques du XXème siécle (Université de Bourgogne) e do Proxecto PERFORMA, no que traballa sobre a performatividade no relato audiovisual, as mutacións e hibridacións na arte e mais a disolución das fronteiras na cultura (audio)visual contemporánea nos seus diferentes soportes. Ten exercido como profesor convidado nas Universidades de Oviedo, Bourgogne e Toulouse-Jean Jaurès.

Foi director dos cursos da Universidade de Verán de la USC “Cine e Nación” (2006) e “Televisión e Ficción I, II, III” (2007-2009). As súas liñas preferentes de investigación atenden a catro grandes bloques: a historia do cinema galego e español; as conexións entre historia e cinema; a natureza da imaxe audiovisual contemporánea; e as relacións do cinema e a ficción televisiva coas demais artes plásticas e escénicas. Neste sentido, as súas últimas investigacións encamiñáronse en tres direccións: por unha parte, cara a confrontación (produtiva, estética e lingüística) entre imaxe analóxica e dixital; en segundo lugar, cara a localización e análise daqueles corpos ―e das identidades a eles asociadas― que se atopan en constante tránsito intermedial; e, por último, cara unha redefinición de dúas das figuras máis interesantes dentro do mutante e híbrido panorama audiovisual da nosa contemporaneidade, a do non-actor e a do espectador-actor-personaxe.

Colaborador en diversas publicacións especializadas no ámbito das artes y do audiovisual, é autor de O cine en Galicia (1997); coordinou as entregas monográficas da revista Grial “O audiovisual galego” (2002), “Transmedia. Cara a unha nova forma de narrar” (2014) e “O audiovisual galego hoxe: retos e paradoxos” (2022); coeditou os libros Xéneros cinematográficos? Aproximacións e reflexións (2006) e Me enveneno de cine. Amor y destrucción en la obra de Francisco Regueiro (2014); e coordinou o volume Para unha historia do cinema en lingua galega. [4] Lume na periferia (2021). Polo demais, participou ata o momento en máis de corenta libros colectivos relacionados co cinema e as artes audiovisuais.

Enlaces académicos