Intervencións e controversias. A arte pública como activador social
A arte pública promoveuse historicamente con propósitos variados: o embelecemento do entorno, a transmisión de valores comunitarios ou de narrativas históricas, a homenaxe a personaxes ilustres, a remodelación urbana… Pero unha vez as obras se sitúan no espazo público, estas quedan expostas ao escrutinio e, en ocasións, son obxecto de intensas disputas. Nos últimos anos, as obras —especialmente os monumentos— volven concentrar o interese da sociedade, ao se converteren en obxectos representativos de posicións ideolóxicas e de loitas identitarias.
Os debates políticos arredor da memoria en tempos de ditadura e represión, ou a revisión do colonialismo e dos seus protagonistas, están a provocar ataques a monumentos en todo o mundo, especialmente tras a irrupción do movemento #BlackLivesMatter. Por outra banda, promóvense novos memoriais e contramonumentos, vinculados a asociacións de memoria histórica… Máis ca dispositivos, os monumentos son máquinas lentas que inducen á acción, pero que non revelan de todo o cando ou o como, nin con que intensidade.
Este seminario propónse como un espazo de análise e debate sobre a dimensión social da arte pública desde perspectivas diversas: historia da arte, estética, historia, activismo ou belas artes. Reflexionaremos sobre o que a arte pública fai, sobre como pode funcionar como mecanismo de mobilización, como ferramenta nas políticas da memoria, ou como activador doutras percepcións do espazo público.
Contaremos con investigadores especializados na relación entre patrimonio, arte pública e memoria das ditaduras (Emilio Grandío, John Thompson, Núria Ricart), artistas especializados en arte pública e arte colaborativa (Isidro López Aparicio, Gabriela Vaz Pinheiro, Javier Tudela), activistas con traballos vinculados á revisión crítica do patrimonio e da arte pública (colectivos Tanquem els CIE e Unha Gran Burla Negra), e investigadores en temáticas relacionadas con procesos descolonizadores (Mariana Pinto dos Santos), entre outros.
O programa desenvolverase en dúas xornadas complementarias, que serán retransmitidas por streaming:
Santiago de Compostela acollerá as primeiras sesións (2 de outubro), con comunicacións e mesas de debate centradas nos principais eixos teóricos. Neste marco presentarase o libro ¿Quién tiene derecho al monumento? (Ed. Katakrak).
En Caldas de Reis (Pontevedra) celebrarase a terceira sesión e un encontro arredor do festival de arte pública Kaldarte (1998–2022), cun percorrido pola vila e un debate aberto con veciñas e persoas que formaron parte desta iniciativa cultural.
Más información: https://www.permoria.com/seminario-intervenciones-y-controversias-el-arte-publico-como-activador-social