Virtualizando o Edificio Castromil 50 anos despois da súa demolición
31 de outubro, Museo do Pobo Galego
O auditorio do Museo do Pobo galego acollerá o vindeiro venres 31 de outubro ás 18.00 unha mesa redonda sobre o Edificio Castromil no 50 aniversario da súa demolición.
O Castromil, en efecto, era demolido en setembro de 1975 ante a indiferenza social e a oposición dun nacente Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. Neste contexto, cinco arquitectos deseñaron un anteproxecto de rehabilitación que pretendía pór sobre a mesa unha alternativa real á destrución do patrimonio.
O evento, moderado polos membros do proxecto ARSOGAL Paula Franjo Calvo e Santiago Rodríguez Caramés, contará coa presenza de Carlos Almuíña, Xosé Manuel Casabella e Xosé Lois Martínez Suárez, tres dos cinco arquitectos redactores do anteproxecto de rehabilitación, e Carlos Paz de Lorenzo, membro do Centro Infográfico Avanzado de Galicia que participou do proceso de virtualización 3D do Castromil e a proposta de rehabilitación no marco do proxecto ARSOGAL.
«Arquitectura soñadas. Proyectos fallidos y pensamiento utópico en la historia de la arquitectura en Galicia» (ARSOGAL, PID2022-137098NB-I00), financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación (2023-2026).