Ideahs

O Salón Artesoado de Fonseca acolle até o 28 de febreiro a exposición Ficcións especulativas

Desde o 16 de outubro de 2025 e até o 28 de febreiro de 2026, o Salón Artesoado e a sancristía do Colexio de Fonseca acolle a exposición Ficcións especulativas, que conta coa participación de varios membros do grupo e que foi inaugurada en paralelo ao noso I Seminario Anual.

A mostra, comisariada por Aránzazu Pérez Indaverea, Abraham Cea Núñez, Guillermo Rodríguez Alonso e Federico L. Silvestre, inscríbese no marco de actividades do Outono Cultural e é unha producción propia da Vicerreitoría de Estudantes e Cultura da Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, case medio centenar de actividades están programadas en torno á exposición en colaboración con doce facultades e a EASD Mestre Mateo dentro do proxecto Faíscas Culturais.

Ficcións especulativas propón unha viaxe a través da arte contemporánea, a ciencia e a imaxinación como ferramentas para pensar o porvir. Parte das ideas de que toda hipótese científica nace dunha ficción e de que, como sinalaban Leonora Carrington ou Ursula K. Le Guin, a humanidade comeza a debuxar o futuro dende a fantasía e o oracular. Dende esta perspectiva a arte convértese nun xénero da ciencia ficción e nun laboratorio de futuros posibles: un espazo onde se consulta, se invoca e se coopera con outros entes para anticipar o que está por vir.

A exposición reúne obras de Mercedes Azpilicueta, Vicente Blanco, Paula Bruna, Andrea Canepa, Regina de Miguel, Antía Iglesias, Javier Martín, Eduardo Outeiro, Bollo Pierre 'Tadios', Iréné Nguea e ŋgam, Ce Quimera, Tomás Saraceno e Xoán Xil. A través de técnicas oraculares, narrativas visionarias e aproximacións interdisciplinares, as súas pezas convidan a transformar a incerteza do presente en impulso creativo. Ficcións especulativas reivindica a imaxinación como un acto de resistencia e como unha tecnoloxía sensible para construír outros futuros posibles.

O Salón Artesoado de Fonseca acolle até o 28 de febreiro a exposición Ficcións especulativas