Ideahs

Exposición A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista

Exposición A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista

A exposición A cidade que se soñou a si mesma pretende revisitar o episodio da arquitectura rexionalista na cidade de Compostela, a mesma cuxa herdanza románica e barroca serviu de inspiración, xunto coa tradición popular, para unha produción que chegaría a marcar até hoxe unha das facianas mais singulares da capital galega.

cartel 150x200cm.pdf acidadequesesoñou_dossier.pdf

A exposición A cidade que se soñou a si mesma pretende revisitar o episodio da arquitectura rexionalista na cidade de Compostela, a mesma cuxa herdanza románica e barroca serviu de inspiración, xunto coa tradición popular, para unha produción que chegaría a marcar até hoxe unha das facianas mais singulares da capital galega.

A arquitectura rexionalista viuse potenciada antes da guerra civil polo fervor mostrado polo galeguismo no intento de definir un estilo nacional, se ben despois da guerra adoptaría un carácter más folclórico e asimilado polas elites locais. Desde finais dos anos dez até a década dos sesenta, a arquitectura rexionalista compartiu espazo con outras escollas estilísticas, algunhas delas de declarada e recoñecida modernidade. Neste sentido, pódese ler este proceso como a procura dunha outra modernidade ou, pola contra, dunha antimodernidade convencida e preocupada pola conexión sentimental e cultural coa identidade do país.

Así, e a diferenza do ocorrido na Coruña ou en Vigo, a produción da arquitectura rexionalista apoia a metáfora da cidade que durante décadas viviu no ensimesmamento de soñarse a si mesma.

A través das salas recuperarase a voz destas arquitecturas e dos seus artífices: Antonio Palacios Ramilo, Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón, Jenaro de la Fuente Álvarez, Daniel Vázquez Gulías, José María Banet y Díaz-Varela ou Constantino Candeira. A aposta destes arquitectos pola durabilidade, a preocupación polo mantemento de oficios tradicionais transmitidos familiarmente, e o coidado nos detalles ornamentais dará lugar a unha arquitectura que, con todo, tamén pode ser funcional. Eis os casos da estación de ferrocarril, o campus universitario ou o mercado de Abastos, este proxectado polo asturiano Joaquín Vaquero Palacios, quen rexeitaba facer tanto unha obra «moderna» como copiar servilmente os estilos do pasado. Nalgúns proxectos, os traballos de construción demoraron décadas, como na Residencia de Estudantes (1931-1965), onde chegaron a traballar centos de canteiros, dos que coñecemos algún nome como o de Perfecto Campos Mariño, nado en Loureiro, Forcarei.

Como proxecto estelar da mostra e da procura dos soños de arquitectura, a Rúa Galicia que Palacios imaxinou en 1932 para unir Porta Faxeira co Obradoiro ten unha presenza destacada, que inclúe unha virtualización en 3D e percorrido 360º realizados en colaboración co Centro Infográfico Avanzado de Galicia. Outros soños arquitectónicos se concretan nas propostas do galeguista Manuel Gómez Román, que despois da Guerra Civil soñaba coa posibilidade de dotar o país de sedes para o Seminario de Estudos Galegos ou unha Escola de Arquitectura. 

Exposición A cidade que se soñou a si mesma. Obras e proxectos na Compostela rexionalista